Senda Carballo – Razo
A execución do tramo 7 permitirá a conexión do centro urbano de Carballo coa praia de Razo, un enclave de moi alto uso no verán e tamén no inverno porque é unha zona de segunda residencia da vila de Carballo onde hai tamén unha importante actividade relacionada co surf con varias escolas que funcionan ao longo do ano.
Este espazo é obxecto dun plan especial de iniciativa municipal previsto no plan xeral de ordenación municipal denominado “Plan especial PE2 RAZO-ARNADOS” que se está a redactar actualmente e un dos obxectivos do cal, segundo Costas do Estado, é eliminar o tráfico rodado e aparcamentos no bordo da area, o que fai necesario repensar a mobilidade e o acceso dos vehículos á costa. Este plan especial pode consultarse no blog pe-razo-arnados.blogspot.com.
Ademais, esta actuación permitirá a conexión doutros núcleos de poboación como Arnados, Nétoma e Vilar de Cidre tanto co núcleo central como coa praia de Razo. Trátase dunha senda ciclo-peonil que comeza despois do tramo 6, unha vez cruzada a ponte sobre a AG55 e remata na praia de Razo. A ruta discorre principalmente por vías públicas existentes nas que se mellorará a capa de rodaxe adaptándoa ao medio rural a través do cal discorre e ás condicións de seguridade.