Categorías
Mobilidad

Carballo celebrará mañana el Día sin Coches cortando varias calles de distintos barrios para convertirlas en espacios de juego.

Mañá tamén se levará a cabo o obradoiro de bicicleta para mulleres “Pedaleando pola igualdade”. Aínda quedan prazas!

Por primeira vez dende que participamos na Semana Europea da Mobilidade (e levamos uns cantos anos), Carballo vai celebrar o Día sen Coches. Será mañá domingo, e consistirá no peche ao tráfico rodado de varias rúas de distintos barrios para convertelas en espazos de xogo para pequenos e maiores.

O Día sen Coches levarase a cabo dende as 10:00 ata as 22:00 horas nas rúas Vila de Laxe (Chorís), Eduardo Pondal (A Granxa) e Concepción Arenal, Cervantes e Valle-Inclán (centro). Nestes tres barrios celebraranse actividades simultáneas: pintado de xogos no chan, módulos tipo skate-park para uso con patinetes e bicicletas, actividades deportivas… Na rúa Vila de Laxe haberá zumba, cun grupo de nenos e nenas ás 11:00 e outro para persoas adultas a continuación. Se queres participar inscríbete enviando unha mensaxe de WhatsApp ao número 664 821 005.

Paralelamente, de 11:00 a 12:30 horas teremos outra actividade novidosa no aparcamento do Pazo da Cultura (A Cristina): un obradoiro para mulleres que levan tempo sen andar en bici e queren recuperar o hábito ou que queren mellorar as súas habilidades. Monitores/as do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino encargaranse de achegarlles os coñecementos necesarios nunha sesión teórico-práctica que rematará cunha pequena ruta. “Pedaleando pola igualdade” é a denominación desta actividade, na que tamén colabora a Concellaría de Igualdade e Benestar. Aínda quedan prazas! Inscríbete enviando un correo electrónico a cccarballo@cccarballo.com.

Boa resposta

Como en todas as actividades que estamos a levar a cabo dentro da Semana Europea da Mobilidade, as persoas participantes deberán respectar as medidas de prevención fronte á COVID-19. Malia ás estritas normas e aos grupos reducidos establecidos para todas as iniciativas, a resposta da cidadanía está sendo moi boa. No circuíto de seguridade viaria para bicicletas e patinetes que abriu a SEM participaron 44 nenos e nenas; na actividade “Á feira en bicicleta” contamos con sete; na Andaina con Senda Nova pola Ruta dos Muíños do Pan completouse un grupo de 10 malia o trebón que caeu pouco antes de arrincar, e hoxe, na Ruta urbana en bicicleta, volvemos a superar as 40 persoas. Dende a Concellaría de Mobilidade, o seu titular, Juan Seoane, fai unha valoración moi positiva desta primeira parte da semana.

Próximas actividades

O luns continuaremos, neste caso celebrando o Día da Accesibilidade en colaboración coa Asociación Íntegro. Pola mañá ocuparemos con cadeiras de rodas varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes para chamar a atención sobre a necesidade de respectar as prazas para persoas con mobilidade reducida, e pola tarde “chequearemos” a accesibilidade das zonas da Cristina e A Milagrosa.

A Semana Europea da Mobilidade rematará o día 22 coa colocación de aparcabicis e o pintado das rutas do Pedibús.