Categorías
Mobilidade Proxecto Cicl-ando

O proxecto Cicl-Ando Carballo será o eixo das actividades da Semana Europea da Mobilidade

Teremos andainas, rutas en bicicleta, actividades de seguridade viaria, concursos, charlas e xogos na rúa para peques e maiores

A Semana Europea da Mobilidade é unha cita cada vez máis relevante en Carballo, e tanto é así que este ano prolongámola un día máis do calendario oficial e sumamos novos colaboradores para ofrecer un programa máis completo e no que poidades participar todas e todos. “A rúa dáche a vida” é o lema da SEM21, que terá como eixo o proxecto Cicl-Ando Carballo: 18 quilómetros de sendas ciclo-peonís que comunican a zona urbana co principal centro de traballo, o polígono industrial de Bértoa, e cun dos principais recursos turísticos do concello, a praia de Razo.

Dende a Concellaría de Mobilidade deseñamos unha programación aberta a todas as idades e absolutamente transversal, na que contamos coa participación das distintas áreas e servizos municipais, pero tamén de entidades, empresas e centros escolares, que un ano máis serán escenarios de varias actividades.

ISTO É O QUE VOS PROPOÑEMOS

  • Xoves 16 (19h – Praza do Concello). Presentación pública do proxecto Cicl-Ando Carballo, coas intervencións de Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade; Ezequiel Mosquera, ex ciclista profesional, e Milagros Lantes, alcaldesa en funcións. Será un acto ao aire libre, con proxección de vídeo, reparto de material informativo e unha actuación sorpresa. O acto será de asistencia libre ata completar aforo.
  • Venres 17 (19h- Saída do Gadis Híper). Andaina solidaria polas sendas do proxecto Cicl-Ando, coa colaboración da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame). Será un percorrido duns seis quilómetros. Afinalidade solidaria do evento é axudar ao desenvolvemento do proxecto “Adianthe”, que está a levar a cabo o Grupo de Investigación en Oncohematoloxía do Servizo de Hematoloxía do CHUS, e que ten como finalidade o desenvolvemento da intelixencia artificial para o tratamento personalizado do cancro hematolóxico. Con esa finalidade, Asotrame instalará unha mesa informativa no punto de saída e abrirá unha fila 0 para as persoas que queiran colaborar. Nesta actividade contaremos coa colaboración da área de Deporte para difundir entre as persoas asistentes información básica sobre o beneficio do exercicio para a saúde. As persoas que queiran participar poden inscribirse enviando os seus datos (nome e idade) a comunicacion@carballo.gal ou no propio punto de saída, onde se entregará material para a ruta a todos/as os/as participantes.
  • Sábado 18 (11h – Saída do Gadis Híper). Igual que o día anterior, sairemos de ruta, pero nesta ocasión en bicicleta e ata Razo, pola senda que comunica a zona urbana coa costa, e que sorprenderá especialmente polo seu percorrido alternativo á estrada provincial. Se che gusta a bici non podes faltar! A ruta en bici tamén será solidaria, pero ademais contaremos co patrocinio da empresa construtora Vázquez y Reino, que executou varias obras do proxecto Cicl-Ando Carballo, incluída a senda a Razo. O percorrido terá como guías a ciclistas do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino. Á chegada a Razo, os/as participantes serán recibidos/as cun almorzo saudable por parte da empresa patrocinadora para que recobren forzas para o regreso. Nesta ruta tamén se entregará material, polo que se precisa inscrición previa en comunicacion@carballo.gal, preferentemente, ou o mesmo día no punto de partida.
  • Domingo 19 (todo o día). O domingo da Semana Europea da Mobilidade volvemos a celebrar o Día sen Coches, e este ano tamén ampliamos as zonas que se cortarán ao tráfico para convertelas en espazos de xogos e actividades para todas as idades. O eixo formado polas rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes, a rúa Eduardo Pondal, a rúa Vila de Laxe e a rúa Mahón acollerán distintas propostas tanto pola mañá coma pola tarde: xogos populares, obradoiros de primeiros auxilios, sesións deportivas… son algunhas das actividades nas que poderás participar.
  • Luns 20 (17.00 a 20.00 horas – Praza do Concello). O tradicional circuíto de seguridade viaria volve á Praza do Concello para todos os nenos e nenas que queiran participar. O único requisito é que acudan con bicicleta, patíns ou patinetes. A Policía Local encargarase de “regular o tráfico” e de amosarlles as boas prácticas para circular nos seus vehículos.
  • Martes 21 (horario de tarde). En colaboración, un ano máis, coa Asociación Íntegro, realizaremos un chequeo á accesibilidade urbana: por unha banda, para ver as medidas adoptadas na zona chequeada o ano pasado, e, por outra, para buscar novos ámbitos de actuación dentro do plan de eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade que estamos a desenvolver, e no que se teñen en conta as necesidades que nos achegan as persoas con problemas de mobilidade.
  • Mércores 22 (19h – Fórum Carballo). Co obxectivo de contribuír á mellora da seguridade viaria para todas e todos, o martes contaremos coa participación da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local nunha xornada informativa aberta a toda a veciñanza, e de especial interese para as persoas adultas e maiores. Non a perdas!
  • Xoves 23. Para esta xornada extra da Semana da Mobilidade temos dúas propostas: pola mañá repetimos “Á feira en bici”, que tan boa acollida tivo o ano pasado, e que consiste en entregar un agasallo a todas as persoas que acudan ata o mercado semanal en bicicleta. Só terán que pasar polo stand informativo que colocaremos na praza. E pola tarde, tamén repetimos actividade e entidade colaboradora na Andaina con Senda Nova, que nos levará polo treito máis descoñecido da Ruta dos Muíños do Pan, dende A Ponte de Bértoa, onde se realizará a saída ás 17.30 horas, ata o Muíño da Cheda.

Ademais de todas estas actividades, a Semana da Mobilidade tamén se celebrará nos centros escolares. Entre o 20 e o 27 de setembro levaranse a cabo xogos baseados no proxecto Cicl-Ando Carballo, e ademais ata o día 30 realizaremos un concurso en Instagram. Simplemente terás que seguir a conta @carballomola, publicar unha fotografía en aberto na túa conta feita en calquera das rutas ciclopeonís e utilizar o cancelo #ciclandocarballo. Poderás gañar un cheque de 100 euros para consumir no comercio local.