Categorías
Mobilidade

En marcha na rúa Vázquez de Parga as obras previas á construción da última senda do proxecto Cicl-Ando Carballo

Xa están en construción os 9 itinerarios ciclo-peonís financiados con fondos europeos, e algún deles a piques de rematar

Co inicio das obras de renovación dos servizos urbanos na rúa Vázquez de Parga arrinca a última das nove sendas ciclo-peonís que estamos a construír dentro do proxecto Cicl-Ando Carballo. A actuación lévase a cabo na marxe dereita da estrada autonómica AC-552, entre os puntos quilométricos 30+469 e 31+000. Ao longo destes 531 metros, a denominada Senda 8 conectará a zona urbana co polígono de Bértoa a través do itinerario xa existente na avenida de Bértoa.

Coincidindo co arranque dos traballos, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, quixeron achegarse ata a rúa Vázquez de Parga, onde tiveron ocasión de compartir coa veciñanza os detalles da actuación. Ademais de resolver os problemas das canalizacións existentes renovándoas e incorporando novos servizos, a Senda 8 resolverá un importante problema de mobilidade.

De feito, mentres hai zonas nas que a beirarrúa existente non ten nin un metro de ancho, hai tres carrís para vehículos, o que provoca problemas de seguridade. “Resulta un paradoxo –sinalan os autores do proxecto- que a estrada AC-552 teña un carril por cada sentido de circulación e que unha vez que se mete no núcleo urbano teña dous por sentido, cando nesta zona non existe un incremento da IMD respecto do treito anterior”. Apuntan ademais que “a necesidade de dous carrís por sentido está totalmente inxustificada” e que está en contra da mobilidade sostible.

Para solucionar esas carencias construirase un carril bici de 2,5 metros de ancho na zona ocupada agora polos aparcamentos, que se manteñen pero máis preto do eixo da estrada. Entre o carril bici e o aparcamento crearase unha franxa axardinada, con céspede e árbores. A beirarrúa modifícase tamén, eliminando as barreiras actuais. O esquema da vía é o que podes ver na imaxe anexa. Sinalización e mobiliario urbano completan a actuación, que executa a empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 256.960,34 €.

O Concello de Carballo conta cunha subvención da Unión Europea de 1.713.295 euros para converter en realidade o proxecto “Cicl-Ando Carballo”, que inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas divididos en nove treitos, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. Grazas a esa achega da Unión Europea, que supón o 80% do orzamento do proxecto, o Concello de Carballo reforza o seu compromiso co medio ambiente e co desenvolvemento da Estratexia 2030 a través de proxectos que nos permiten seguir avanzando cara unha mobilidade máis sostible e reducir, en consecuencia, a nosa a pegada de carbono.