Categorías
Mobilidade

Milagros Lantes e Juan Seoane participaron na asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan

Carballo será a sede do próximo congreso, que se celebrará en outubro sempre que a situación sanitaria o permita

Esta fin de semana debería terse celebrado en Carballo o VIII Congreso Cidades que Camiñan, no marco do cal sempre ten lugar a asemblea xeral da rede. O evento non puido levarse a cabo dada a complicada situación sanitaria, pero a xuntanza anual das cidades que forman parte da asociación foi posible de xeito telemático. O noso concello estivo representado pola concelleira de Planificación Urbana, que ademais forma parte da xunta directiva da rede, Milagros Lantes, e polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane.

Na asemblea poden participar os 61 concellos que integran a Rede de Cidades que Camiñan, con máis de 7,5 millóns de habitantes. O obxectivo da xuntanza, presidida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi facer balance do ano que vimos de rematar, condicionado tamén en materia de mobilidade pola pandemia mundial provocada pola COVID-19, e trazar as liñas mestras de actuación de cara aos vindeiros meses. 

Sempre que a situación sanitaria o permita, o congreso que non puido celebrarse esta fin de semana terá lugar no mes de outubro no noso concello. Será o primeiro evento con participación das 15 entidades que se uniron á rede dende o ano 2020 _A Coruña, Antas (Almería), Basauri e Bilbao (Bizkaia), Ceutí (Murcia), Getafe (Madrid), Logroño, Oleiros, Palma del Río (Córdoba), Soria, La Laguna (Santa Cruz de Tenerife), Iruña-Pamplona (Navarra), Eivissa-Ibiza e Vic (Barcelona), ademais da Deputación de Pontevedra.

O obxectivo da Rede de Cidades que Camiñan é a mellora do espazo público para camiñar, estar e socializar a través de proxectos que fomenten a mobilidade peonil e, en relación directa con ela, hábitos de vida saudable e sostible, a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a calidade do medio ambiente urbano e a autonomía infantil.